O Liberalismo e a Invasión Napoleónica en España
O Liberalismo: Ideoloxía Política Dominante no Século XIX
Orixe
Ideas da Ilustración francesa (Montesquieu, Rousseau)
Principios Políticos
- Rexeitamento do Antigo Réxime, do absolutismo e dos privilexios dos nobres e a Igrexa.
- Defensa da existencia de dereitos e liberdades individuais e da igualdade de todos os cidadáns ante a lei (Declaración de Dereitos da Revolución Francesa).
- Dereito á participación política dos cidadáns:
División de Poderes (Montesquieu)
Executivo (Goberno), Lexislativo (Parlamento ou Cortes) e Xudicial (Xuíces e Tribunais). O Estado debe estar rexido por poderes independentes e equilibrados entre si para evitar a tiranía e o abuso de poder.
Principio da Soberanía Nacional (Rousseau)
O poder reside na nación que elixe ós seus representantes para que os gobernen.
- Institucións representativas (Parlamentos ou Cortes e Gobernos) elixidos pola participación política dos cidadáns a través do seu voto (sufraxio).
- Novo sistema político regulado por unha Constitución (lei suprema), e os códigos e leis que se derivan dela e son elaborados polo poder lexislativo.
Principios Económicos: Liberalismo Económico
- Conducirá ó sistema económico capitalista.
- Dereito á propiedade privada individual.
- Liberdade económica e de empresa (O Estado non intervén na economía).
- O mercado regúlase pola lei da oferta e a demanda (que regula a produción, os prezos e os salarios).
- Triunfa politicamente (mediante as revolucións liberais).
- Constitúe a ideoloxía da burguesía (clase dominante no S.XIX e dirixente da Revolución Industrial).
O Proceso de Abdicacións e as Repercusións da Ocupación Napoleónica
Os efectos da Revolución Francesa e o conflito dinástico de 1808 en España abriron un enfrontamento entre dous modelos políticos e ideolóxicos ben diferenciados: por un lado, o absolutismo e, por outro, o liberalismo. As influencias ideolóxicas da Revolución Francesa comezada en 1789 e a invasión napoleónica de 1808 marcaron o inicio da revolución liberal española que tivo a súa máxima expresión nas Cortes de Cádiz na Constitución de 1812.
O Reinado de Carlos IV (1788-1808)
O seu reinado está enmarcado nun contexto de decadencia afectado por:
- Conflitos bélicos con Francia e con Inglaterra (destacamos a derrota de Trafalgar en 1805).
- Dificultades económicas: unha crise financeira (redución de ingresos agravada polas guerras).
En 1792 o rei nomeou a Godoy como primeiro ministro, quen puxo en marcha unha política de reformas ilustradas, así como un incremento dos impostos, desamortización de bens do clero, etc. Medidas que suscitaron o rexeitamento dos grupos privilexiados. A influencia sobre os reis e a acumulación de poder e títulos de Godoy xerou un forte resentimento no fillo de Carlos IV, o futuro Fernando VII, quen temeroso de verse privado da sucesión a coroa foi aglutinando o descontento dunha facción nobiliar que recibiu o nome de grupo Fernandino. Este partido tiña como obxectivo desprestixiar o valido Godoy e aos reis e conspirar para lograr desprazalo do goberno e conseguir que Carlos IV abdicase no nome do seu fillo. As súas intencións foron descubertas no Motín do Escorial, pero acabou fortalecendo ao partido fernandino e aumentou a desconfianza polo Rei Carlos IV e sobre todo en contra de Godoy, da que a maioría dos españois sospeitaban tiña tramado un complot para desacreditar ao príncipe Fernando.
A Guerra de Independencia (1808-1814)
A invasión napoleónica, comezada en 1808, foi debida á negativa de Portugal de aceptar o bloqueo continental decretado por Napoleón sobre Inglaterra. O emperador francés planifica entón a conquista de Portugal, pero para iso tiña que contar co apoio de España para acceder a Portugal. Godoy, que era o secretario de Estado de Carlos IV, autorizou o paso por España das tropas francesas acordando tamén o mutuo reparto de Portugal e as súas colonias e a creación dun Reino dos Algarves para Godoy. Este era o contido asinado no Tratado de Fonteneableau en 1807.
A partir de 1808 comezou o malestar popular debido á entrada e presenza das tropas francesas en España. Cando Godoy comprendeu que a ocupación de Portugal implicaba tamén a ocupación de España decidiu trasladar a familia real a América, como xa o fixera a coroa portuguesa, refuxiada en Brasil. Isto provocou que, en marzo de 1808, tivese lugar o Motín de Aranjuez, coincidindo ca ocupación da península polos exércitos napoleónicos. O motín pretendía a destitución de Godoy e a renuncia de Carlos IV no seu fillo Fernando VII. A revolta estivo dirixida pola nobreza e polo clero, pero contou con participación popular. Así, grupos de alborotadores contando có apoio de gardas e grupos de nobres defensores de Fernando VII asaltaron o pazo real e obrigaron a Carlos IV a abdicar no nome do seu fillo, sendo este proclamado rei de España.
Tras estes sucesos, Carlos IV pediu axuda a Napoleón Bonaparte, quen, coa excusa de mediar nas disputas familiares, reuniu a Carlos IV e Fernando VII en Baiona (Francia). As consecuencias foron as Abdicacións de Baiona que significaron a renuncia de Carlos IV no seu fillo –Fernando VII– e a posterior renuncia de ambos no emperador Napoleón (A cambio, ambos eran recompensados con cuantiosas posesións, rendas e privilexios en Francia). A continuación Napoleón aproveitou para nomear ó seu irmán Xosé Bonaparte (Xosé I) rei de España (1808-1814), convertendo a España nun estado satélite do Imperio napoleónico.
O Goberno de Xosé I (1808-1813)
Napoleón buscou apoios para o novo rei convocando unha Asamblea en Baiona formada por ilustrados. O reformismo napoleónico pretendía dotar a España dunha nova organización política que modificase algúns elementos do Antigo Réxime introducindo algúns principios do liberalismo político. Esta Asamblea elaborou o Estatuto de Baiona (1808), unha carta outorgada pola que o rei autolimitaba o seu poder (pero non respondía a unha decisión popular). O Estatuto mestura elementos do absolutismo (concentración de poderes no rei, organización estamental, catolicismo de estado…) ao tempo que incorpora aspectos novidosos (da Revolución Francesa):
- Existencia de Cortes de composición aínda estamental con carácter deliberativo e algunha capacidade lexislativa sobre os proxectos presentados.
- Recoñecemento de liberdades, declaración de dereitos e reformas de carácter liberal.
- Intenta desenvolver unha lexislación reformista: Vinculada ó reformismo ilustrado (eliminación dos señoríos, redución de ordes relixiosas, liberdades económicas).
- Intentou implantar o centralismo administrativo francés en España.
- Contará coa colaboración dos afrancesados (convencidos de que o reformismo bonapartista é a única solución para España).
- Contén os elementos dunha reforma política e social que limita á nobreza e trata de potenciar á burguesía: liberdade de industria e comercio, supresión dos privilexios comerciais, supresión das aduanas interiores, diminución dos morgados.
- España sería unha monarquía limitada e hereditaria. O rei está no centro pero debe respectar os dereitos cidadáns proclamados no texto.
Xosé I tomou diversas iniciativas e reformas (aboliuse a Santa Inquisición, reducíronse as ordes relixiosas, suprímense os señoríos, emprendeu unha desamortización, deseñouse unha reforma administrativa e territorial) que non tiveron a eficacia desexada e provocou un malestar social que desencadeou a denominada Guerra de Independencia (1808-1814). Este Estatuto non tivo unha aplicación efectiva debido ó estado de guerra no se atopaba o país, e o novo rei imposto por Napoleón deberá afrontar os efectos da guerra, o desprezo popular e as interferencias de Napoleón.
A Organización da Loita Contra os Franceses
Nesta guerra foron enfrontados, por un lado, os españois que defendían a Xosé Bonaparte que recibiron o nome de afrancesados e os que defendían o regreso de Fernando VII onde había absolutistas, pero tamén liberais que aproveitaran a situación para impulsar unha revolución política. En 1808 ante a invasión francesa e o vacío de poder fórmanse Xuntas en diversos lugares:
- Asumen indirectamente a soberanía (representación da nación) e deciden organizar a guerra.
- Teñen unha composición variada, con dirixentes do Antigo Réxime (bispos, autoridades políticas e militares), xunto con elementos da burguesía e de orixe popular que defenden a necesidade de cambios.
- A Xunta Central, coordinará ó resto dás Xuntas e dirixirá á España rebelde entre 1808 e 1810. Procurarán organizar a loita da guerrilla, forma que tomará a loita popular o invasor.
En 1810 O Consello de Rexencia asume o goberno en nome de Fernando VII e convoca cortes xerais para consultar a nación.
Características da Guerra
- Será unha guerra longa e cruel.
- Estará protagonizada polas masas populares, pero dirixidas por nobres e eeclesiásticos.
- Defenden a Fernando VII como rei, a tradición e a relixión católica.
- As guerrillas e a intervención inglesa serán elementos decisivos no desenlace da guerra.
Fases da Guerra
- Ocupación francesa e levantamento popular (1808-1809): A resistencia española sorprende aos franceses e mesmo obtéñense victorias como a de Bailén, o que obrigará a intervención ditrecta de Napoleón que desprega a Grand Armee para controlar o territorio peninsular (1808-1809) Retirada do exército inglés e derrotas españolas.
- Unha segunda fase de dominio francés (1810-1812): A intervención directa de Napoleón, enfrontado aos exércitos ingleses e españoles, conduce á ocupación case completa da península (excepto Lisboa, Alacante e Cádiz), con algunhas resistencias como os sitios de Zaragoza ou de Xirona.
- Repregue francés (1812-1814): O desprazamento da Grand Armee a Rusia vai ser aproveitado por Gran Bretaña para iniciar unha contraofensiva dende Portugal. A ofensiva hispano británica dirixida por o Duque de Wellington traducirase nunha serie de victorias (Ciudad Rodrigo, Arapiles, Vitoria e San Marcial), que obrigaron aos debilitados exércitos franceses a repregarse paulamente ata a fronteira.
- En 1813, polo Tratado de Valencay, Napoléon renuncia e devolve o trono español a Fernando VII, quen reinaría ata a súa morte en 1833. O seu regreso significou a volta aos principios do Antigo Réxime e o absolutismo monárquico e a derogación da obra lexislativa das Cortes de Cádiz.
Posturas ante a Ocupación Francesa
- Os “afrancesados”: Españois que colaboran co goberno de Xosé I. Unha parte importante son ilustrados convencidos de que o reformismo bonapartista é a única solución para España. Serán perseguidos como traidores tras 1814.
- Os “patriotas”: Defensores da monarquía borbónica de Fernando VII. Entre eles aparecerán dous bandos:
- Absolutistas: Defensores da orde do Antigo Réxime.
- Liberais: Defenden reformas no sistema político de goberno da nación; de tal maneira que de forma paralela á guerra o país vivirá un proceso revolucionario.