1. Definicións
- Segunda Internacional: Creouse en París en 1889 con motivo da celebración do centenario da Revolución Francesa, coa finalidade de renovar os lazos de solidariedade internacional obreira. Estivo formada polos partidos e organizacións socialistas, sendo excluídos os anarquistas.
- Primeiro de Maio: A Segunda Internacional acordou a celebración do Primeiro de Maio como día internacional da loita obreira, co compromiso de loitar en todos os países pola xornada máxima de 8 horas de traballo.
- Sufraxio censatario: Defendía que só tiñan dereito á participación política os cidadáns que posuísen un certo nivel de riqueza.
- Movemento sufraxista: A partir de 1860, xurdiu en EE UU, Gran Bretaña e Francia este movemento, que loitaba por lograr o recoñecemento do sufraxio feminino. As sufraxistas desenvolveron campañas de protesta que conmocionaron a opinión pública. A conquista do voto feminino foi lenta. En España foi aprobado en 1931.
- Fordismo: Consiste na fabricación en serie en cadeas de montaxe ideada por Henry Ford, de modo que os obreiros permanecían no seu posto de traballo realizando sempre a mesma tarefa sobre a peza co obxectivo de obter o máximo rendemento.
- Cartel: Convenio entre empresas dun mesmo sector polo que se reparten zonas de mercado e fixan os prezos.
- Imperialismo: Activa política de expansión e dominación política, económica e militar que desenvolveron as principais potencias europeas, mais EE UU e Xapón, fóra das súas fronteiras desde 1830.
- Desastre de 1898: Ocasionou a perda de Cuba e Filipinas como consecuencia da derrota contra EE UU, que as ocupou temporalmente. O resto das posesións españolas no Pacífico foron vendidas por España a Alemaña. Desaparecería así o imperio colonial español.
2. Características da Segunda Revolución Industrial
As características básicas da Segunda Revolución Industrial son:
- Novas fontes de enerxía: Empezouse a utilizar o petróleo como fonte de enerxía, e a electricidade, con múltiples aplicacións.
- Novos sectores industriais: Destacan o siderometalúrxico, no que se perfeccionou a obtención do ferro e a súa transformación en aceiro. A industria química renovouse completamente grazas a numerosos inventos. A nacente industria eléctrica fabricou gran cantidade de motores, turbinas…
- Os transportes revolucionaron os sistemas tradicionais coa invención do motor de explosión, orixe do automóbil e o avión.
- Nova organización do traballo: Buscando producir no menor tempo posible para reducir custos de fabricación e incrementar os beneficios.
- Novas formas de organización empresarial: Orixinadas pola necesidade de contar con grandes recursos financeiros, así como o desexo de dominar os mercados e obter os máximos beneficios.
3. Revolución Demográfica no Século XIX
Os cambios na poboación do século XIX que levaron a falar de revolución demográfica foron:
- Cambio do réxime demográfico: No século XIX produciuse un forte descenso da mortalidade. Neste descenso foi fundamental o aumento de produción de alimentos como consecuencia das melloras na agricultura e na gandería. Tamén influíron progresos da medicina, a mellora das anestesias nos hospitais, así como da hixiene. Como seguiu manténdose unha elevada natalidade, o resultado foi un forte crecemento da poboación.
- Éxodo rural e crecemento das cidades: O aumento da poboación, a introdución de maquinaria agrícola liberaba man de obra no campo. O aumento do traballo nas fábricas, ocasionou que a xente se trasladara dos campos ás cidades. Como consecuencia, as cidades experimentaron un constante crecemento.
- Emigración transoceánica: O aumento da poboación propiciou unha forte corrente migratoria desde Europa cara ao exterior. As súas causas foron o desequilibrio producido entre o crecemento demográfico e os recursos de traballo existentes en Europa.
4. Conferencia de Berlín
A Conferencia de Berlín convocouse para evitar os enfrontamentos entre os países interesados na posesión das colonias en África, que foi obxecto de especial interese e o progresivo avance da colonización orixinou un crecente choque de intereses.
Na Conferencia de Berlín convocada por Bismarck, acordaron os criterios que debían rexer a colonización:
- Para posuír un territorio había que ocupalo de forma efectiva.
- A navegación dos ríos Congo e Níxer sería libre.
- O territorio do Congo era unha posesión do rei Leopoldo II de Bélxica, coa obriga de manter a liberdade de comercio.
5. Causas da Expansión Colonial
- Económicas: Relacionadas coa expansión da revolución industrial e do capitalismo. Foron os países industrializados os que máis colonizaron xa que necesitaban materias primas para as súas industrias, alimentos para a crecente poboación…
- Políticas: A posesión de colonias asociábase nesta época ao poder e á grandeza dun Estado.
- Demográficas e sociais: Para que a poboación que vivía con dificultades na metrópole se puidese asentar nas colonias.
- Ideolóxicas: Relacionadas coa crenza na superioridade da raza branca.
6. Consecuencias da Colonización
En xeral foron positivas para os intereses industriais e comerciais das potencias colonizadoras, pero negativas para as sociedades dominadas: guerras de conquista, masacres, desprezo cultural… Tamén é certo que os colonizadores levaron os avances técnicos e médicos e as novas correntes ideolóxicas occidentais.
7. Movemento Obreiro e Ideoloxías
- Movemento obreiro: Amplo movemento reivindicativo para conseguir melloras salariais e laborais polas duras condicións de vida e de traballo do proletariado.
- Anarquismo: Movemento ideolóxico e sindical xurdido como reacción ás fortes desigualdades sociais provocadas pola industrialización. Aceptan a eliminación de todo tipo de poder e o respecto á liberdade individual nunha sociedade igualitaria.
- Socialismo marxista: É o movemento ideolóxico e político que xorde como reacción ás consecuencias negativas que provocaba a revolución industrial e a extensión do capitalismo. O seu obxectivo final é que toda a produción estea concentrada en mans do Estado e así desaparecerían as diferenzas de clase e a opresión.
- Nacionalismo: É a corrente política que considera a propia colectividade como unha nación, con Estado independente, e defende os seus intereses fronte ás demais.
- Tratado da Santa Alianza: Tratado que asinaron os reis de Austria, Prusia e Rusia, no que se comprometían a prestarse mutua axuda e a realizar unha política de intervencionismo.
- Pronunciamento: Levantamento de parte do exército contando co apoio de burgueses.
- Ludismo: Accións da destrucción das máquinas consideradas culpables do empeoramento das condicións laborais e do desemprego.
- Sindicatos: Agrupacións de traballadores dunha mesma fábrica ou da mesma profesión dunha cidade.
- AIT (Asociación Internacional de Traballadores): Ten como obxectivo potenciar o asociacionismo obreiro e concienciar os traballadores para loitar unidos pola súa emancipación.
8. Restauración e Principios
Durante a Restauración do Antigo Réxime destacou a actividade do chanceler austríaco Metternich, que defendeu os tres principios sobre os que se debían asentar as bases das monarquías. Estes principios eran: o lexitimismo, o absolutismo e o equilibrio internacional. En España, o rei Fernando VII foi quen restaurou o absolutismo, aínda que durante un período de tres anos denominado trienio liberal tivo que someterse ao imperativo da Constitución que se aprobara en Cádiz en 1812.
9. Correspondencias
- Metternich – Chanceler austríaco
- Porlier – Liberal que se pronunciou en 1815
- Simón Bolívar – Libertador americano
- María Cristina de Borbón – Rexente de Isabel II
- Garibaldi – Unificador italiano
- Ned Ludd – Destrutor das máquinas
- Bakunin – Teórico anarquista
- Madoz – Político que elaborou unha lei de desamortización
- Emilio Castelar – Presidente da Primeira República española
10. Correspondencias (II)
- Adam Smith – Liberalismo económico
- James Watt – Máquina de vapor
- Mijail Bakunin – Anarquismo
- Thomas A. Edison – Lámpada incandescente
- Friedrich Engels – Marxismo
11. Marxismo e Anarquismo: Coincidencias e Diferenzas
Os obxectivos comúns dos dous movementos ideolóxicos eran:
- A liberación da clase traballadora.
- A eliminación da sociedade burguesa e o sistema capitalista.
- A propiedade colectiva.
Diferenzas:
- No anarquismo, defenden o principio da eliminación de todo tipo de poder e o respecto á liberdade individual nunha sociedade igualitaria.
- No marxismo, o obxectivo é que toda a produción estea concentrada en mans do Estado.
12. Independencia da América Española
Entre 1808 e 1824 tivo lugar o proceso de independencia das colonias españolas en América. Estivo vinculado con:
- A extensión das ideas liberais, asociando a independencia co establecemento dun réxime liberal.
- Os cambios de réxime acontecidos en España, que debilitaron os lazos de dependencia coa metrópole.
- Os desexos das minorías crioulas, que vían na independencia un medio de liberarse do dominio e do control económico de España.
Foi un proceso violento, dando orixe a diversas guerras.
13. Desamortización
A desamortización foi o conxunto de medidas tomadas polos gobernos liberais para que o Estado puidese liberar e vender terras amortizadas. As terras afectadas, eran expropiadas sen indemnización para poñelas á venda en pública poxa.
Leis:
- A desamortización eclesiástica de Mendizábal.
- A desamortización de Espartero.
- A desamortización de Madoz.
Obxectivos:
- Modificar o réxime de propiedade da terra, de modo que toda ela puidese ser unha propiedade privada.
- Conseguir recursos para o Estado para pagar a débeda pública e financiar a guerra carlista ou a construción do ferrocarril.
- Incrementar os partidarios da causa liberal co aumento de novos propietarios.
14. O Ferrocarril
A primeira liña foi construída en 1848 en Barcelona. Ademais de comezar tarde a introdución do ferrocarril, a debilidade da industrialización fixo que o seu desenvolvemento fose moi lento. En 1855 iniciouse a construción das principais vías cun deseño radial a partir de Madrid. Rematáronse varias liñas que comunicaban Madrid coa periferia, pero quedaban moitas zonas sen comunicar, entre elas Galicia. O ferrocarril contribuíu a comunicar distintas zonas de España, creando un mercado unificado, pero contribuíu pouco ao desenvolvemento industrial, pois gran parte do material foi importado do estranxeiro.
15. Transformacións Económicas e Sociais
- Lenta transformación social, sen cambios significativos na súa estrutura social tradicional.
- Mantemento do sistema foral, escasamente alterado pola desamortización porque a maioría das terras expropiadas estaban arrendadas con contratos de foro e os campesiños foreiros non podían ser expulsados das parcelas que traballaban. O cambio era unicamente o destino das rendas: en lugar de ser pagadas á Igrexa, eran entregadas aos novos propietarios.
- Estancamento económico. No ámbito rural mantívose o sistema produtivo tradicional. No sector artesanal produciuse a crise da produción doméstica dos tecidos de liño. O sector máis dinámico foi a fabricación de conservas que destacou no conxunto nacional.
16. Unificación Italiana
A península italiana estaba dividida en sete estados. Quería formar unha única nación pero as propostas eran varias. Os liberais tentaron eliminar o absolutismo, pero fracasaron. Formouse unha monarquía constitucional no reino de Piemonte-Sardeña. A partir de entón, o proceso de unificación organizouse en torno a este reino.
O proceso de unificación foi rápido. En 1861 creouse o reino de Italia, que dominaba case toda a península, agás Venecia e Roma. Ambos territorios foron anexionados en 1866 e 1870 dándose por concluído o proceso de unificación.
17. Unificación Alemá
No Congreso de Viena constituíuse a Confederación Xermánica, formada por 39 Estados. A pesar desta fragmentación, entre os alemáns existía unha forte conciencia de formar unha nación propia para facilitar os intercambios económicos.
- Numerosas propostas de unificación chocaban coa oposición dos gobernantes. Os intentos liberais de unificación fracasaron.
Prusia, motor da unificación. Bismarck converteu a unificación de Alemaña no principal obxectivo da súa política. Para alcanzalo, emprendeu tres guerras vitoriosas.
- A primeira, en 1864, contra Dinamarca para anexionarse os territorios daneses habitados por alemáns.
- A segunda, en 1866, contra Austria para excluíla da unificación.
- A terceira, contra Francia. Formación do II Imperio Alemán en 1871.