A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
Directorio Militar (1923-1925)
No ano 1923, Primo de Rivera levantouse contra o goberno constitucional da Restauración reclamando o poder para os militares. No manifesto de xustificación do golpe condenaba o desgoberno e declaraba a súa intención de rexenerar a política nacional, acabar co caciquismo e a corrupción, recuperar a orde pública, poñer fin á conflitividade obreira e garantir a unidade nacional fronte aos nacionalismos. Afonso XIII aceptou a ditadura, que en principio era unha solución transitoria, pero que finalmente durou seis anos.
Apoios ao golpe: grandes propietarios, alta burguesía, parte das clases medias e do exército, o rei. O PSOE e a UXT aceptaron colaborar sempre que non prexudicase os intereses dos traballadores, pero sen solidarizarse cos seus principios. A maioría da poboación reaccionou con indiferenza ou foi favorable.
O rei Afonso XIII nomeou a Primo de Rivera presidente do Directorio, un goberno integrado só por militares.
Medidas do Directorio Militar:
- Desmantelamento das institucións da Restauración agás o Rei, cesamento de todas as autoridades, suspensión da Constitución, disolución do Parlamento (Primo de Rivera lexislará por decreto-lei) e ilegalización dos partidos políticos e das asociacións obreiras. Disolución da CNT.
- Restrición de dereitos e liberdades. Censura de prensa. Prohibición do dereito de asociación.
- Liquidación da Mancomunidade catalá, prohibiu o uso de símbolos catalanistas.
- Disolución dos concellos cambiándoos por xuntas de vogais designadas polos maiores contribuíntes.
- Política de orde pública moi represiva. Redución dos conflitos laborais.
- Pacificación de Marrocos, o que significou un triunfo moral nun momento en que en política interna tiña grandes dificultades.
Directorio Civil (1925-1930)
O Directorio Militar foi substituído por un gabinete civil integrado por seis políticos da Unión Patriótica e catro militares. O obxectivo de Primo de Rivera era consolidarse no poder, aproveitando a boa conxuntura económica e o apoio dos sectores conservadores da banca e da industria.
A nivel político, esta etapa significou un fortalecemento do réxime polos seus propios éxitos e o exemplo do fascismo en Italia. As bases políticas da ditadura foron:
- A Unión Patriótica, partido gobernamental sen ideoloxía definida. Sería o instrumento político do novo réxime. Como órgano auxiliar do partido creouse unha forza armada cidadá, o Somatén.
- A Asemblea Nacional Consultiva: órgano consultivo, non lexislativo, non elixido por sufraxio universal, xa que os seus membros foron designados a dedo.
A nivel económico desenvolveuse un nacionalismo económico baseado en:
- Intervencionismo do Estado e política proteccionista.
- Fomento da produción nacional.
- Política de desenvolvemento industrial.
- Política de obras públicas (estradas / ferrocarrís / política hidráulica…).
- Creación de monopolios (Telefónica / CAMPSA / Iberia).
- Instalación das primeiras emisoras de radio, servizo telefónico e correos.
Corporativismo social
- Organización Corporativa Nacional. Comités paritarios de obreiros e patróns baixo tutela estatal, que regulaban as condicións de traballo, salarios e conflitos laborais baixo as directrices do poder.
A oposición á ditadura
- Houbo moitos sectores que estaban en contra e querían a convocatoria de Cortes constituíntes.
- A Sanjuanada (1925) foi unha conspiración militar apoiada por sectores políticos, que fracasou.
- Os nacionalistas cataláns estaban descontentos coa súa política centralista. Dirixidos por Macià, proclamaron a República Catalá no marco da República Federal Española.
- Os intelectuais (Unamuno, Ortega,…), profesores de universidade e estudantes.
- Protestas da Federación Universitaria Española (FUE) contra o decreto–lei de reforma universitaria que equiparaba os centros privados cos públicos. A protesta levou á retirada do proxecto.
- Os anarquistas sufriron unha forte represión (peche de locais, detención dos seus dirixentes…).
- Os socialistas e a UXT acabaron por distanciarse.
- Os republicanos aumentaron, favorecidos pola incapacidade da monarquía para restablecer a normalidade constitucional.
Por último, os mesmos grupos que o apoiaron acabaron por abandonalo. Todo isto nun contexto de crise económica (a Crise de 1929).
A caída de Primo de Rivera
En xaneiro de 1930 presentou a dimisión ante o rei. A dimisión foi aceptada. A continuación, iniciouse a Ditabranda do xeneral Berenguer, coa misión de convocar eleccións que permitisen a volta á normalidade constitucional. Este foi incapaz de preparar as eleccións e dimitiu para dar paso ao goberno do almirante Aznar (febreiro-abril 1931). Este convocou eleccións municipais para abril de 1931. Os partidos republicanos, nacionalistas cataláns, PSOE, etc. asinaron o Pacto de San Sebastián para formar unha candidatura conxunta e concorrer ás eleccións. Gañaron os partidos republicanos. Proclamouse a II República e Afonso XIII abandonou o poder.
O establecemento da II República (1931)
Tras a dimisión en xaneiro de 1930 de Primo de Rivera, comezou a Ditabranda do xeneral Dámaso Berenguer, a quen o rei lle encargou a restauración dun sistema parlamentario baseado de novo no sistema constitucional de 1876. Afonso XIII perdera os apoios de moitos membros da oligarquía turnista por apoiar o pronunciamento de Primo de Rivera e tamén de moita parte do exército por permitir a disolución da Arma de Artillería e aceptar a dimisión do ditador.
A difícil situación económica derivada da Crise de 1929 contribuíu a aumentar o descontento. Destacan tamén os pronunciamentos a favor da República como o de Fermín Galán en Jaca e o de Queipo de Llano en Cuatro Vientos, que fracasaron.
En 1930, a unión das forzas antimonárquicas concretouse no Pacto de San Sebastián, no que non estaban nin o Partido Comunista Español (PCE) nin o PSOE. Decidiron constituír un Comité Revolucionario con Alcalá Zamora como presidente, co obxectivo de derrubar a monarquía.
Ante a incapacidade de Berenguer, o rei nomeou a Juan Bautista Aznar, almirante da Mariña, encargándolle a tarefa de convocar eleccións para restaurar o sistema liberal anterior á ditadura. A tal efecto, convocou eleccións municipais como paso previo á convocatoria de eleccións xerais.
O inicio da República
As candidaturas do Pacto de San Sebastián concorreron unidas ás eleccións municipais e formuláronas como un plebiscito a favor da república. O resultado destas eleccións do 12 de abril de 1931 foi un empate técnico entre as candidaturas monárquicas e republicanas en número de concelleiros, pero cunha clara vitoria nos núcleos urbanos para estes últimos, mentres os monárquicos gañaron nos concellos rurais onde a presenza e manipulación caciquil era aínda moi importante. Os monárquicos, polo tanto, interpretaron os resultados como unha total derrota e o Comité deulle un ultimátum ao rei, que marchou ao exilio ese mesmo día, provocando un baleiro de poder.
A II República, polo tanto, proclamouse o 14 de abril de 1931, dando paso a un Goberno Provisional para cubrir o baleiro de poder, composto polos dirixentes dos grupos asinantes do Pacto de San Sebastián e dirixido por Niceto Alcalá Zamora. En Madrid, os representantes do Pacto de San Sebastián (republicanos conservadores e progresistas, socialistas, nacionalistas cataláns e galegos) constituíron o Goberno Provisional, presidido por Alcalá Zamora. Este goberno convocou eleccións xerais para xuño. A vitoria foi para a coalición republicano-socialista, que tiña como tarefa principal a elaboración dunha constitución.
Este Goberno Provisional tivo que facer fronte a certas tarefas urxentes:
- Negociar a renuncia dos nacionalistas cataláns, dirixidos por Francesc Macià, a declarar o Estado Catalán, o cal lograron a cambio da promesa de tramitar rapidamente un Estatuto de Autonomía.
- Frear as actitudes intransixentes do clero (actitudes antirrepublicanas do arcebispo de Toledo, Cardeal Segura, o cal foi expulsado) e dos anticlericais (queima de conventos).
- Convocar eleccións a Cortes Constituíntes por sufraxio universal masculino (activo) e universal (pasivo), o que deu lugar á presenza das primeiras mulleres parlamentarias da historia de España.
As eleccións deron a maioría aos grupos prorreformistas dos partidos centristas republicanos e o PSOE. Como presidente do Goberno os parlamentarios escolleron a Niceto Alcalá Zamora (Dereita Liberal Republicana).
A Constitución de 1931
A Constitución de 1931 recollía a ideoloxía da maioría de esquerdas presente nas Cortes. Era de carácter democrático e progresista. España foi considerada ‘unha república de traballadores de todas as clases sociais’.
Características principais:
- Soberanía popular.
- Forma de goberno republicana, Cortes unicamerais, división de poderes moi acentuada.
- O poder lexislativo residía no Parlamento, cun claro predominio fronte ao goberno e ao Xefe do Estado.
- O Presidente da República tiña escasas atribucións e un mandato de seis anos.
- Contiña unha ampla declaración de dereitos e liberdades: igualdade ante a lei, á educación, ao traballo, dereito ao voto desde os 23 anos e por primeira vez para as mulleres, matrimonio civil, divorcio.
- Laicidade do Estado.
- República unitaria pero con dereito á autonomía dalgunhas rexións.
Principais debates constitucionais:
- Sufraxio feminino: A regulación do dereito de sufraxio das mulleres acabou coa implantación dun auténtico sufraxio universal masculino e feminino. O debate sintetizou a polémica entre as posturas de Clara Campoamor e de Victoria Kent. Esta última avogaba por pospoñer o voto feminino, debido ás altas taxas de analfabetismo e á influencia da sociedade patriarcal e do clero nas mulleres, que podería orientar o voto en contra dos intereses reformistas republicanos, e propoñía concedelo cando a reforma educativa conseguise implicar a muller no proxecto republicano (Clara Campoamor opinaba que cando funcionasen as 20.000 escolas anunciadas pola República, a muller sería a máis ardente defensora desta). Finalmente, a postura de Campoamor de defensa do sufraxio universal total acabou por impoñerse nas Cortes. As seguintes eleccións (1933) foron as primeiras onde puido votar a muller, sendo isto un factor na derrota da esquerda e das candidaturas reformistas, tal como a propia esquerda e Victoria Kent argumentaran.
- Outros debates: Os principais debates xiraron en torno aos artigos relativos á implantación do laicismo, á prohibición ás ordes relixiosas de impartir o ensino, á expulsión dos xesuítas e ás autonomías rexionais.
A Constitución foi aprobada o 9 de decembro co rexeitamento dos partidos de dereitas e dos sectores católicos. Tampouco tivo o consenso dos grupos republicanos máis moderados. Alcalá Zamora dimitiu como presidente do Goberno por non estar de acordo cos artigos sobre materia relixiosa, e Manuel Azaña foi nomeado xefe do Goberno.
En Galicia destaca o apoio á República na cidade da Coruña e Pontevedra, obtendo unha avultada vitoria, pero no ámbito rural, debido á estrutura de pequenos propietarios e á influencia do clero, a oposición á República comezou a medrar ata 1936.
A modo de conclusión, cabe destacar a relevancia histórica de moitas medidas republicanas que forman mesmo parte do noso actual sistema constitucional, como o sufraxio feminino ou a creación dos estatutos de autonomía. As reformas que se implantaron levaron a que a oligarquía, que perdera parte do seu poder político e económico, comezase a súa organización cara a unha nova vitoria electoral no Bienio Conservador (ou Antirreformista) e, posteriormente, á sublevación de 1936.
As principais reformas da II República (Bienio Progresista 1931-1933)
A Reforma relixiosa
Obxectivos:
- Limitar a influencia da Igrexa e secularizar a sociedade española.
Medidas:
- A Constitución estipulou a non confesionalidade do Estado, a liberdade de cultos e a supresión do orzamento de culto e clero.
- Permitiuse o matrimonio civil e o divorcio, retiráronse crucifixos das escolas e secularizáronse os cemiterios.
- Prohibiuse ás ordes relixiosas adicarse ao Ensino.
- A Lei de Congregacións limitou a posesión de bens ás ordes relixiosas e previu a posibilidade da súa disolución en caso de perigo para o Estado. A Compañía de Xesús foi disolta e os seus bens nacionalizados.
Consecuencias:
- Problemas coa xerarquía da Igrexa (expulsión do cardeal Segura por chamar á desobediencia contra a República).
- Manifestacións populares de anticlericalismo (incendios de igrexas, conventos).
- Produciuse un grave enfrontamento Igrexa-Estado, que a dereita soubo aproveitar apoiando o bando nacional na Guerra Civil.
A reforma militar
Azaña, ministro de Defensa, impulsou unha reforma co obxectivo de crear un exército profesional e democrático.
Medidas:
- Supresión da Academia Militar de Zaragoza (viveiro de militares golpistas).
- Asegurar a súa obediencia ao poder civil para acabar coas intervencións dos militares na vida política.
- Redución do número de oficiais e obriga de xurar fidelidade á República; en caso contrario, podían retirarse co soldo íntegro.
Consecuencias:
- Permaneceu no exército un grupo de oficiais que comezaron a conspirar contra a República.
- Produciuse a primeira sublevación militar: a Sanjurjada (1932). O xeneral Sanjurjo protagonizou un golpe de estado que fracasou. Foi condenado a morte e logo indultado, pero, exiliado en Portugal, seguiu conspirando contra a República.
A Reforma territorial
Obxectivo:
- Permitir ás tres rexións con sentimentos nacionalistas (Galicia, Cataluña e País Vasco) ter unha organización propia e acceder á autonomía.
Modelo:
- Estableceuse un modelo de ‘estado integral’ que permitía a estas tres rexións acceder a unha autonomía (proposta de estatuto polos concellos, aprobación en referendo e aprobación nas Cortes).
Resultados:
- Cataluña: foi a primeira en facer os trámites que conduciron á formación dun goberno autonómico, a Generalitat, e á aprobación polas Cortes dun Estatuto de Autonomía. O réxime autonómico estableceu un goberno (presidido por Macià) e un parlamento propios, con competencias en materia económica, social, educativa e cultural.
- País Vasco: foi máis lento nos trámites. Redactaron o estatuto, que quedou bloqueado nas Cortes cando gobernaba a dereita e non se aprobou ata 1936, en plena Guerra Civil.
- Galicia: o proceso estatutario foi lento. En 1936 someteuse a referendo e en 1938 foi aprobado polas Cortes republicanas (xa fóra de Galicia).
Este modelo serviu de referencia para o modelo autonómico actual.
A reforma educativa
Obxectivos:
- Consolidar un ensino público, obrigatorio e gratuíto.
- Sistema de educación laico e baseado na coeducación, suprimindo a separación nas aulas por razón de sexo. (Un 30% da poboación española era analfabeta).
Medidas:
- Dotación de gran número de prazas para mestres, tanto de nenos como de adultos.
- Medidas para o acceso á cultura dos sectores populares tradicionalmente esquecidos: as Misións Pedagóxicas, creación de bibliotecas e pinacotecas ambulantes, charlas, conferencias, teatro, nas que participaron profesores e estudantes. Por exemplo: La Barraca, compañía ambulante de teatro organizada por Federico García Lorca.
Consecuencias:
- Inicio da chamada ‘guerra escolar’ pola non obrigatoriedade da relixión católica nas escolas e o carácter laico da reforma educativa, que provocou unha forte reacción entre os sectores políticos e sociais máis conservadores.
A reforma laboral
O socialista Largo Caballero, ministro de Traballo, aplicou unha serie de reformas para mellorar as condicións laborais:
- Aumento de salarios.
- Semana laboral de 40 horas.
- Dereito de folga.
- Vacacións pagadas de sete días.
- Seguros sociais: maternidade, accidentes laborais.
A crise da coalición de esquerdas (republicano-socialista)
- A República desenvolveuse nun contexto de crise económica mundial (Crise de 1929), provocando o peche de empresas, aumento do paro…
- A lentitude e moderación das reformas provocaron o descontento dos anarquistas e comunistas, que protagonizaron folgas, levantamentos campesiños, ocupacións de terras, etc. Exemplos foron as revoltas de Casas Viejas (Cádiz), Arnedo (A Rioxa) e Castilblanco (Badaxoz), onde os campesiños mobilizados pola CNT e polo Partido Comunista protagonizaron violentos enfrontamentos coas forzas de orde pública, que ocasionaron a morte de varias persoas e acabaron cunha forte represión.
- Estes feitos provocaron un forte desgaste do goberno, desacreditado como consecuencia das duras medidas policiais para restablecer a orde pública.
- Isto, unido ao rexeitamento ás reformas citadas por parte da patronal, da Igrexa, dos terratenentes e á crise económica, provocou un adianto das eleccións.
- Os partidos conservadores (Partido Radical, CEDA e Falange) presentáronse unidos nalgunhas circunscricións nas eleccións de 1933 co obxectivo de gañar e paralizar as reformas republicanas.
- A coalición republicano-socialista rompeuse. O xefe de goberno, Azaña, dimitiu. Alcalá Zamora disolveu as Cortes e convocou eleccións para novembro.
O Bienio Conservador ou Bienio Negro (1933-1935)
Eleccións de novembro de 1933
- Primeiras eleccións nas que votaron as mulleres.
- As dereitas presentáronse unidas en moitos lugares fronte ás esquerdas, que se presentaron en candidaturas separadas.
- Os anarquistas chamaron á abstención (non votaron).
- O triunfo foi da dereita: O Partido Radical de Lerroux (xefe de goberno) apoiado pola CEDA.
Paralización das reformas do Bienio Progresista
- Paralización da lei de reforma agraria.
- Suspensión do estatuto de autonomía de Cataluña.
- Bloqueo nas Cortes do estatuto vasco.
- Anulación das medidas tomadas coa Igrexa: aprobouse un orzamento de culto e clero e iniciouse un concordato coa Santa Sé.
- Exército: amnistía para os sublevados con Sanjurjo en 1932. Nomeamento para altos cargos de xenerais antidemocráticos (por exemplo, Franco é nomeado Xefe do Estado Maior).
- Recortaron o orzamento para o ensino.
En definitiva, devolvéronlles aos privilexiados a posición dominante da que gozaban ata a chegada da República.
Radicalización e conflitos
- Radicalización do PSOE, UXT e CNT que, debido á viraxe conservadora e á paralización das reformas anteriores, declararon a guerra ao novo goberno (folgas, conflitos…).
- Ante esta situación, a CEDA endureceu a súa posición e reclamou máis contundencia en materia de orde pública. O goberno de Lerroux accedeu ás peticións e o 5 de outubro de 1934 outorgou tres carteiras ministeriais á CEDA, o cal foi interpretado pola esquerda como unha deriva cara ao fascismo.
- Revolución de Asturias (outubro 1934): En resposta ao auxe do fascismo, a UXT e a CNT convocaron unha folga xeral que fracasou en todas partes por falta de coordinación, agás en Asturias. Alí, os mineiros, apoiados por socialistas, anarquistas e comunistas, protagonizaron unha revolución social. Ocuparon vilas e substituíron os gobernos municipais por comités revolucionarios, que asumiron o abastecemento de alimentos, funcionamento dos transportes, etc. Os mineiros asediaron Oviedo e enfrontáronse ás forzas da orde. O goberno enviou desde África a Lexión ao mando de Franco para reprimir o levantamento. A represión foi durísima: máis de mil mineiros mortos, dous mil feridos e moitos detidos.
- Proclamación do Estado Catalán (outubro 1934): En Cataluña, o seis de outubro, Companys, presidente da Generalitat, proclamou o Estado Catalán dentro da República Federal Española, o que supoñía colocar a Generalitat fóra da legalidade constitucional. Esta revolta tivo un carácter máis político que social. Acabou coa intervención do exército, o encarceramento de Companys e outros dirixentes da Generalitat e a suspensión da autonomía catalá.
Crise do goberno e novas eleccións
- A estas dúas crises hai que engadir unha forte crise de goberno (outubro 1935). O Partido Radical viuse afectado por escándalos de corrupción como o caso do estraperlo (unha ruleta trucada implantada en varios casinos españois) e casos de malversación de fondos.
- Alcalá Zamora disolveu as Cortes e convocou eleccións para febreiro de 1936.
A Fronte Popular (1936)
Eleccións de febreiro de 1936
- As esquerdas concorreron nunha coalición formada por republicanos reformistas, o PSOE, comunistas, POUM, Partido Galeguista, etc., que adoptou o nome de Fronte Popular. A CNT, nesta ocasión, non pediu a abstención.
- Programa electoral: amnistía para todos os detidos tras a revolución de outubro e aplicación da lexislación reformista do Bienio Progresista.
- As dereitas non lograron presentar unha candidatura única para toda España nin redactar un programa electoral consensuado.
- Nas eleccións de febreiro de 1936 a esquerda obtivo un 48% dos votos e a dereita un 46%.
- No novo goberno, Azaña foi nomeado presidente da República e Casares Quiroga xefe de goberno.
Accións do goberno da Fronte Popular
O novo goberno puxo en marcha o programa pactado:
- Decretouse unha amnistía para os represaliados en outubro de 1934.
- Continuación das reformas do Bienio Progresista con máis rapidez.
- Restableceuse o goberno da Generalitat e o Estatuto de Autonomía catalán.
- Iniciáronse negociacións co País Vasco e Galicia para a aprobación dos seus respectivos estatutos.
Clima de violencia e conspiración
- A dereita rexeitou estas medidas e lanzou campañas contra a República.
- Falange Española organizou milicias armadas que atacaban a dirixentes de esquerda. Estes respondían do mesmo xeito.
- Este clima de violencia (269 asasinatos políticos nos cinco meses que durou a Fronte Popular) rematou co asasinato por falanxistas do militar, tenente da Garda de Asalto, José del Castillo, de ideoloxía socialista, e do político monárquico José Calvo Sotelo por milicias de esquerda o 14 de xullo.
- Esta morte acelerou os plans dun levantamento militar contra a República e a conseguinte Guerra Civil.
A Guerra Civil: sublevación, bandos en conflito e a súa dimensión internacional
O levantamento militar
Coa intención de paralizar o proceso reformista, desde inicios de 1936 un grupo de militares comandados polo xeneral Mola, Sanjurjo (exiliado en Portugal) e Franco comezaron a planear un golpe de Estado buscando o apoio das forzas antirreformistas de dereita que acabarían conformando o bando sublevado.
O xeneral Mola actuou como organizador. O xeneral Sanjurjo, exiliado en Lisboa, tomaría o mando superior. Este bando, aglutinado polo interese común de paralizar o proceso reformista, era moi heteroxéneo ideoloxicamente: Mola avogaba pola instauración dunha ditadura militar republicana; a CEDA de Gil Robles pola Restauración borbónica; os requetés carlistas por unha monarquía tradicionalista, e a Falanxe de José Antonio Primo de Rivera por unha ditadura de corte fascista.
Os chamamentos dalgúns deputados de dereita aos militares para dar un golpe de Estado (Calvo Sotelo) e os rumores de que ía acontecer provocaron a reacción do goberno de Azaña, desterrando a Mola a Pamplona e a Franco a Canarias para afastalos do grosor das tropas africanas. Así como provocaron tamén unha crecente crispación social (atentados profascistas, folgas obreiras…) que levaron a unha forte axitación social.
O asasinato do tenente Castillo dos Gardas de Asalto polas forzas de dereita e a posterior vinganza destes co asasinato de Calvo Sotelo adiantou os plans da sublevación dos militares. O exército africanista apoiou ao bando sublevado mentres que a facción peninsular permaneceu fiel á legalidade republicana.
O 17 de xullo, Franco sublevou as súas tropas en África, nos cuarteis de Melilla. O 18 de xullo chegou desde Canarias o xeneral Franco e tomou o mando do exército de África, mentres a sublevación se estendeu pola Península. O mesmo día subleváronse outros xefes militares: Mola en Pamplona, Queipo de Llano en Sevilla, Goded en Mallorca e Cabanellas en Zaragoza.
Necesitaban trasladar as tropas de África á Península. Conseguírono nos primeiros días de agosto, cunha ponte aérea entre Tetuán e Sevilla, grazas ao envío de avións alemáns e italianos, os dous estados fascistas máis importantes de Europa. Isto permitiu aos sublevados seguir coas operacións militares.
Este golpe, apoiado pola Igrexa (Isidro Gomá), que o denominou como unha Cruzada dándolle a categoría de Guerra Santa, fracasou no seu intento de tomar o poder, provocando a ruptura de España en dous bandos e dando inicio á cruenta Guerra Civil (1936-1939), sen dúbida o acontecemento máis traumático da historia contemporánea española.
Os bandos en conflito
Os dous bloques, o bando dos sublevados (tamén chamado de dereitas ou azul) e o bando republicano (coñecido como de esquerdas ou roxo), coincidían coa división entre reformistas e antirreformistas e co mapa electoral de febreiro de 1936.
Os sublevados ocupaban unha parte do territorio, pero o pronunciamento militar non triunfou, pero tampouco puido ser sufocado polo goberno. Os sublevados tardaron tres anos en controlar o país, que se dividiu en dous bandos que se enfrontaron nunha guerra civil.
O goberno da República tardou en reaccionar e durante os días 17 e 18 non tomou ningunha medida para sufocar o golpe. O presidente do Goberno, Casares Quiroga, dimitiu e Azaña nomeou novo presidente a José Giral. Unha das primeiras medidas de José Giral foi autorizar a entrega de armas aos sindicatos e aos partidos da Fronte Popular. Foron eles, xunto cunha parte do exército e á Garda de Asalto, os que lles fixeron fronte aos golpistas.
Bando Sublevado (Nacional)
- Territorio: Ademais de en Marrocos, o pronunciamento triunfou nas rexións que en xeral tiñan gran presenza de campesiños propietarios: Castela e León, Navarra, a parte occidental de Aragón, Galicia, Baleares, Canarias e nalgunhas cidades andaluzas.
- Recursos: Dispoñían da maior parte da produción agrícola e gandeira, o que provocou grandes problemas de abastecemento na zona republicana.
- En Galicia: a sublevación militar iniciouse o día 20. Tras breves enfrontamentos coas forzas leais na Coruña, Vigo e Ferrol, os sublevados fixéronse co control do territorio.
Bando Republicano
- Territorio: A República conseguiu manter o seu dominio sobre os principais centros industriais (franxa cantábrica, Cataluña, Madrid), as zonas de agricultura de exportación (Valencia e a rexión de Murcia), ou con maioría xornaleira (Castela-A Mancha, Estremadura e parte de Andalucía).
- Recursos: A maior parte da frota e da aviación. As reservas de ouro do Banco de España.
- Composición: O bando republicano estaba formado pola coalición da Fronte Popular, que incluía aos republicanos liberais (Esquerda Republicana e Unión Republicana), ao PSOE e UXT, CNT-FAI (anarquistas), o PC (stalinistas) e o POUM (trotskistas).
A división do territorio en dous espazos tan claros, cunha economía agraria diversificada para o bando sublevado (cereais de Castela e vacún galego) fronte aos espazos industriais no lado republicano, outorgou unha vantaxe aos primeiros, explicable en gran medida polos apoios internacionais.
A dimensión internacional do conflito
A Guerra Civil, desde o inicio internacionalizada, foi a antesala da Segunda Guerra Mundial.
- Non Intervención: Reino Unido e o goberno da Fronte Popular de Léon Blum en Francia asinaron xunto coas demais potencias o pacto de non intervención nos asuntos españois.
- Apoio aos Sublevados: Malia isto, tanto a Alemaña nazi como a Italia fascista saltáronse o pacto e prestaron un apoio determinante para a vitoria dos sublevados desde o inicio, sen consecuencias internacionais debido ao medo a provocar a Hitler. A armada e a aviación estranxeiras permitiron o paso dos 40.000 soldados africanos á Península, claves na vitoria. Este apoio militar incluíu destacamentos como: a Lexión Cóndor alemá (que ensaiou a Blitzkrieg en España e foi clave no bombardeo de Guernica) e os camisas negras italianos. Portugal enviou un exército de voluntarios chamado os viriatos. Aparte disto, concederon créditos e material de guerra que fixeron innecesario para o bando sublevado o control das zonas industriais.
- Apoio á República: O bando republicano non contou con máis axuda internacional que a dos voluntarios das Brigadas Internacionais, grupo de milicianos voluntarios que consideraban a guerra española como a primeira batalla contra o fascismo. Algúns brigadistas famosos foron Orwell, Hemingway, Tito e Willy Brandt, entre outros. A URSS axudou principalmente ao Partido Comunista con apoio armamentístico para tratar de establecelo como partido dominante nun posible proceso revolucionario e converter España nun satélite soviético. A compra de armamento a Rusia foi sufragada cos depósitos de ouro do Banco de España.
Deste xeito, a incapacidade de acceder ao mercado internacional de armas e o feito de controlar as zonas industriais pero non as agrarias foron factores clave na derrota republicana.
Desenvolvemento inicial da Guerra e evolución dos bandos
O verán de 1936 é o período máis violento e caótico da guerra, coñécese como o terror quente. Ambos bandos puxeron especial empeño en eliminar todo disidente ou sospeitoso de pouco entusiasmo coa súa causa, practicando o terror dos ‘paseos’. Esta política foi rapidamente abandonada polo bando republicano, pero converteuse na forma de actuar dos sublevados, alentada polo propio goberno militar.
Non obstante, os sublevados non tomaron Madrid debido á resistencia republicana, apoiada polas Brigadas Internacionais e a CNT-FAI de Barcelona dirixida por Durruti.
Evolución no Bando Sublevado
- Franco levou a cabo a liberación do Alcázar de Toledo, o que lle deu maior fama dentro do seu bando. Ademais, era a figura que negociaba coas potencias do Eixo.
- Este feito, xunto coa morte de Sanjurjo cando volvía de Portugal para liderar a sublevación, fixo que a Xunta Militar lle concedese o título de Xeneralísimo e Xefe do Estado.
- Mola morreu en 1937 nun accidente aéreo e José Antonio Primo de Rivera xa fora fusilado ao inicio da guerra. Estes feitos despexaron o camiño de Franco cara á súa ditadura.
- En abril de 1937, Franco promulgou o Decreto de Unificación, a través do cal todos os partidos políticos existentes no bando sublevado se fusionaron nun novo partido único: Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS).
- Neste mes, ademais, tivo lugar o bombardeo da cidade de Guernica, realizado por cazas alemáns e italianos.
Evolución no Bando Republicano
- Houbo unha gran cantidade de problemas internos (en menos de tres meses tiveron catro presidentes de goberno). O primeiro destes foi Casares Quiroga, quen dimitiu polo armamento dos civís, deixando o cargo a Martínez Barrio, quen intentou negociar co bando contrario sen éxito. O terceiro foi José Giral, en cuxa etapa destacou principalmente a creación das Milicias Armadas e de Comités e Xuntas revolucionarias.
- Finalmente, Largo Caballero resultou ser o único dirixente capaz de controlar a situación. Estableceu o decreto de militarización das milicias, que permitiu a creación dun exército regular.
- Porén, estas reformas non foron suficientes e produciuse a Crise de Maio de 1937. Foi un enfrontamento entre o PCE e a CNT-FAI debido a diferenzas ideolóxicas. Por unha banda, o PCE (co apoio dos socialistas e republicanos liberais) considerou que primeiro había que gañar a guerra e despois facer a revolución. Pero a CNT-FAI e o POUM consideraban necesario levar a cabo a revolución xa durante a guerra se querían gañala.
- Tras a Crise de Maio, Largo Caballero tivo que dimitir. O novo xefe de goberno foi o socialista Juan Negrín, que presentou nun documento a opción de resistencia total á espera do previsible inicio da Segunda Guerra Mundial entre os estados pro-fascistas e pro-democráticos.
- Pero o Pacto de Múnic (1938), a derrota na batalla do Ebro (na que a República perdeu a iniciativa bélica) e os enfrontamentos entre os partidarios de pactar con Franco unha rendición con condicións (Golpe do coronel Casado e Besteiro en marzo de 1939) determinaron que os republicanos acabasen por admitir unha derrota sen condicións e optar, en gran número, polo exilio.
Os sublevados tomaron Madrid o 1 de abril de 1939, marcando o fin da guerra.