Glosario de Términos Clave del Franquismo
FET e das JONS. Siglas de Falange Española Tradicionalista e das Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, a organización política creada por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación que fusionaba o movemento tradicionalista carlista coas formacións fascistas de Falanxe Española e das XONS. Foi a única formación política autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional.
Fronte de Xuventudes. Sección de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, creada no ano 1940 para o adoutrinamento da mocidade española nos principios franquistas do Movemento Nacional. Con este fin utilizábase a formación política, o deporte e as colonias, albergues e campamentos xuvenís.
OJE. Organización Juvenil Española, fundada en 1960 para dedicar o tempo libre dos mozos afiliados a fins educativos. Serviu para difundir as ideas da ditadura franquista.
Auxilio Social. Organización franquista destinada a prestarlle axuda humanitaria á poboación en situación de grave necesidade. Creouse durante a Guerra Civil na zona sublevada, centrada primeiro na repartición de comida e despois asumiu outras tarefas como a atención de nenos e nenas orfos ou abandonados.
Movemento Nacional. Corporación franquista que incluía ao partido único do réxime (Falange Española Tradicionalista y de las JONS), todos os cargos públicos, Sindicato Vertical e múltiples organismos destinados a exercer o control social como a Fronte de Xuventudes, a Sección Feminina e o Auxilio Social.
Lei de Responsabilidades Políticas. Disposición legal franquista de febreiro de 1939 para sancionar aos que colaboraron co goberno republicano na Guerra Civil con distintos tipos de sancións: pena de morte, cárcere, traballos forzados.
División Azul. Unidade de voluntarios españois que entre 1941 e 1943 apoiaron a Alemaña na Segunda Guerra Mundial loitando ao seu lado na fronte rusa. Desta forma, aínda que España se declarou neutral na Segunda Guerra Mundial, compensábase a Alemaña polo seu apoio ao bando franquista na Guerra Civil.
Plans de desenvolvemento. Planificación económica cuadrienal adoptada en 1963 para correxir os desequilibrios territoriais xerados polo desenvolvemento económico desigual. Aínda así non deron os resultados agardados e continuou crecendo a diferencia entre as rexións.
Sección Feminina. Organización fundada en 1934 como rama feminina de Falanxe Española. Foi dirixida por Pilar Primo de Rivera e durante o franquismo monopolizou a educación das mulleres coa finalidade de formar amas de casa, subordinadas aos varóns e destinadas a ter fillos e educalos segundo as normas establecidas polo réxime. Para o seu adoutrinamento creouse en 1937 o Servizo Social, que impoñía a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.
Nacionalcatolicismo. Ideoloxía que defende que a vida política, social e cultural debe estar sometida ás directrices da Igrexa católica. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime franquista que contou co apoio e aprobación da Igrexa católica. A xerarquía eclesiástica xustificou e aceptou a autoridade de Franco como Caudillo de España pola graza de Deus, e a cambio impuxo o seu control sobre a moral, os costumes e a educación.
GRAPO. Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro foi un grupo terrorista nacional que en 1975 pretendía implantar un estado socialista revolucionario mediante accións terroristas por medio de secuestros e asasinatos.
Sindicato vertical. Nome co que era coñecida a Organización Sindical Española durante o franquismo. Foi creado tras a promulgación da Lei de Unidade Sindical de 1940 que ilegalizaba todos os sindicatos de clase existentes e integraba de forma forzosa a todos os traballadores e empresarios (relación vertical) nun mesmo e único sindicato baixo a supervisión do Ministerio de Traballo.
Plan de Estabilización. Conxunto de medidas e reformas económicas aprobadas en 1959 propostas por ministros tecnócratas que tiñan como obxectivo abandonar o modelo autárquico intervencionista e liberalizar a economía española, conectando así co capitalismo occidental. Sentou as bases para iniciar o forte crecemento “desarrollista” da década dos anos 60.
Contubernio de Múnic. Calificativo despectivo do réxime franquista para ridiculizar o Congreso do Movemento Europeo celebrado nesa cidade alemá en 1962. O máximo impulsor da reunión foi Salvador de Madariaga, moi ben relacionado cos dirixentes do movemento europeo, e a ela asistiron 118 opositores ao franquismo, tanto do interior de España como do exilio, unidos por un obxectivo común: instaurar en España un sistema político democrático.