Glosario de Termos Históricos Esenciais

AULA REGIA: Organismo político que asesoraba ao monarca nos asuntos políticos, militares, lexislativos e xudiciais do reino visigodo de Toledo. Nos seus comezos estaba formada por cortesáns e servidores do rei, pero desde o século VI asistían tamén as principais personalidades do reino. Tendo en conta que a monarquía era electiva, a función deste organismo era fundamental porque tamén interviña na designación dos monarcas.

BÁRBAROS: Denominación xenérica dada polos gregos e romanos aos pobos situados fóra do ámbito da súa civilización e que non falaban a súa lingua. Durante o Baixo Imperio o termo tomou un sentido pexorativo empregándose para designar os pobos de costumes primitivas que ameazaban coas súas incursións as fronteiras do mundo romano. No 476 conseguiron tomar Roma e depoñer ao derradeiro emperador romano de occidente.

CASTRO: Poboado fortificado prerromano no que se asentaron poboacións indíxenas na Meseta norte e no noroeste peninsular, onde da nome á cultura castrexa. Son moi numerosos os conservados na actual Galicia, caracterizados pola súa planta redondeada e un urbanismo irregular no que as construcións, especialmente as vivendas, teñen tamén formas redondeadas. Os castros poden ocupar cumios de outeiros, ladeiras de montañas, penínsulas ou estar situados en zonas chairas. Os máis antigos datan da Idade do Bronce, aínda que alcanzaron o máximo desenvolvemento na Idade do Ferro e moitos deles perduraron ata a Idade Media.

CONVENTUS: Inicialmente eran asembleas conxuntas de romanos e indíxenas que evolucionaron ata converterse en unidades administrativas (recadación de impostos, recrutamento de tropas) e xurídicas (regularización de preitos, realización de contratos) dentro das provincias romanas. Unha cidade actuaba como capital do conventus e lle dá nome, pero o seu territorio non estaba definido xuridicamente, polo que os seus límites eran imprecisos. A actual Galicia correspóndese, basicamente, co conventus lucensis.

ECONOMÍA PREDADORA: Tipo de actividade humana na que se obteñen e consumen os recursos da natureza sen xerar produción. É característica das sociedades paleolíticas ou preagrícolas nómades ou seminómades nas que a recolección de froitos silvestres, a caza, a pesca e o marisqueo son as actividades que permiten ao grupo obter os alimentos e os recursos para o vestido e a construción das vivendas.

GUERRAS CÁNTABRAS: Enfrontamentos bélicos entre os romanos e os pobos do norte peninsular (cántabros, ástures e galaicos) que supuxeron a finalización da conquista romana da península ibérica. Tiveron lugar entre os anos 29 e 19 a.C. e estiveron dirixidas polo emperador Augusto. A batalla de Monte Medulio (ano 25 a.C.) puxo fin á resistencia dos galaicos.

MEGALITISMO: Termo que fai alusión ás construcións arquitectónicas formadas por grandes pedras chamados megálitos. Os tipos básicos son: o menhir ou pedrafita (un monólito fincado no chan verticalmente), o crómlech (menhires formando un círculo) e o dolmen ou anta (sepulcros formados por unha cámara que pode estar precedida dun corredor). Corresponden a unha ampla cronoloxía que vai desde finais do Neolítico ata a Idade do Bronce.

CARTA DE POBOAMENTO: Documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer poboación e repoboar os territorios que se ían reconquistando aos musulmáns. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.

MANSO: Unidade de explotación familiar que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.

MARCA HISPÁNICA: Territorio controlado nos séculos VIII e IX polos emperadores e reis dos francos ao sur dos Pirineos, formando a fronteira entre o imperio carolinxio e al-Ándalus. Comprendía inicialmente os condados de Pamplona, Aragón, Sobrarbe, Ribagorza, Pallars, Urxel, Cerdaña, Besalú, Ampuries, Vic, Xirona e Barcelona. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero ao longo do século IX foron tendo unha crecente autonomía ata crear condados e reinos independentes.

MESTA: Organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Alfonso X, quen reuniu nunha única institución as varias mestas existentes. Estaba rexida polo Consello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinou numerosos conflitos cos agricultores ata que a Mesta foi abolida en 1836.

MOZÁRABE: Cristián sometido aos musulmáns en al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron desprazándose cara ao norte, aos territorios controlados polos reis cristiáns.

PRESURA: Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades: a oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados, e a privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.

TAIFAS: Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Ándalus. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos dando así fin á Reconquista.

AGRARISMO: Movemento reivindicativo que organizou ao campesiñado galego en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a redención dos foros (formas de arrendamento de tradición medieval) e conseguir a propiedade da terra, loitar contra o caciquismo e propulsar a renovación técnica. Destacaron as organizacións Solidariedade Galega (1907-12) e Acción Galega (1910-15), xunto co máximo líder desta, o crego ourensán Basilio Álvarez. O Decreto de 1926 con Primo de Rivera establecía a redención dos foros.

SEMANA TRÁXICA: Semana de violentas protestas populares que tiveron lugar en Barcelona (xullo de 1909) contra a orde de Maura de enviar reservistas á guerra de Marrocos tras a derrota do Barranco do Lobo. A maioría dos soldados eran pais de familias obreiras, polo que o seu embarque provocou unha folga xeral co apoio da UGT, anarquistas e grupos republicanos, que deu paso á insurrección sendo duramente reprimida polo Goberno de Maura, que caerá pouco despois. Revolta con forte antimilitarismo, anticlericalismo e enfrontamento coas forzas da orde.

DESASTRE DE ANNUAL: Derrota do exército español en xullo de 1921 fronte ás cabilas rifeñas dirixidas por Abd el-Krim na guerra de Marrocos. Morreron miles de soldados españois e os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a independencia da República do Rif. O desastre provocou unha terrible impresión na opinión pública, contraria á guerra, agudizou a crise da Restauración borbónica e o desprestixio do exército e de Alfonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota.

EXPEDIENTE PICASSO: Informe redactado en 1922 polo xeneral Picasso baseado na investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de Annual para determinar as súas responsabilidades. O informe revelaba a neglixencia dos militares, a temeraria actuación do xefe das tropas, o xeneral Silvestre, e a responsabilidade do rei Alfonso XIII no desastre militar. O golpe de estado de Primo de Rivera impediu coñecer as conclusións da investigación.

DIRECTORIO MILITAR: Primeiro goberno da ditadura de Primo de Rivera formado, tras o golpe de estado de 1923, unicamente por militares e que durou ata 1925. A Constitución de 1876 e os partidos políticos quedaron suspendidos, os dereitos e liberdades foron restrinxidos e as publicacións e a prensa sometidos a censura. O seu maior éxito foi a finalización da guerra de Marrocos tras o desembarco de Alhucemas de 1925.

UNIÓN PATRIÓTICA: Organización cívico-política fundada en 1924 polo ditador Primo de Rivera. Pretendía agrupar a toda a sociedade como substituta dos partidos políticos tradicionais e servir de apoio social e de propaganda do réxime ditatorial, pero só participaron nela os grupos conservadores e católicos, non sobreviviu ao réxime que a creaba. Como órgano auxiliar do partido crea o Somatén, forza armada cidadá.

FAI: Siglas da Federación Anarquista Ibérica fundada en 1927, fusionando a Unión Anarquista Portuguesa e a Federación Nacional de Grupos Anarquistas de España. Estaba organizada en pequenos grupos revolucionarios radicais de activistas anarquistas. Desempeñou un importante papel no movemento obreiro, sobre todo a través da súa presenza no sindicato anarco-sindicalista da CNT, durante a II República e a Guerra Civil.

SANJURJADA: Intento fracasado de golpe de Estado encabezado polo xeneral Sanjurjo o 10 de agosto de 1932 en Sevilla contra a Segunda República co apoio dalgúns militares, monárquicos e latifundistas andaluces. Controlado polo Goberno, os seus participantes foron detidos e condenados. Como reacción, republicanos e socialistas aproximaron as súas posicións, o que permitiu a aprobación do Estatuto de Autonomía de Cataluña e a Lei de Reforma Agraria que intentaban impedir os golpistas. Detido e encarcerado, foille conmutada a pena de morte exiliándose en Portugal onde seguirá conspirando.

CEDA: Siglas da Confederación Española de Dereitas Autónomas, unha coalición de partidos conservadores e católicos fundada en 1933 por Gil Robles. Definíase como contrarrevolucionaria e antimarxista, defensora da relixión, a familia e a propiedade, e esixía a revisión da Constitución de 1931 para adecuala aos principios cristiás. Formou parte do Goberno da Segunda República, en coalición co Partido Radical de Lerroux, entre 1934 e 1935.

BIENIO NEGRO: Segundo período da Segunda República comprendido entre novembro 1933 e febreiro 1936. Foi cualificado así polas esquerdas debido ás medidas revisionistas e conservadoras tomadas polos gobernos de dereitas radical-cedistas, que paralizaron moitas das leis reformistas do primeiro bienio republicano e exerceron unha dura represión sobre os participantes na revolución de outubro de 1934.

PACTO DE SAN SEBASTIÁN: Acordo verbal, en agosto de 1930 en San Sebastián, de diversas personalidades representativas de partidos republicanos de diferentes tendencias, catalanistas e socialistas polo que se comprometían a establecer a república democrática, garantir liberdades políticas, Cortes Constituíntes e a recoñecer a autonomía de Cataluña, Galicia e provincias vascas. Ademais, formaron un comité revolucionario, presidido por Alcalá Zamora, para coordinar unha sublevación co fin de derrocar á monarquía de Alfonso XIII.

FRONTE POPULAR: Coalición electoral creada en xaneiro de 1936 polo PSOE, PCE, POUM, e Esquerra Republicana de Catalunya. Tras vencer nas eleccións de febreiro de 1936, serviu de apoio á política reformista desenvolvida polos gobernos formados por republicanos de esquerda encabezados por Azaña, presidente, e o coruñés Casares Quiroga, xefe de Goberno.

LEXIÓN CÓNDOR: Denominación da forza de intervención alemá, fundamentalmente aérea, coa que o III Reich de Hitler apoiou ao bando sublevado franquista durante a Guerra Civil española. Foi clave e responsable de numerosos ataques a posicións republicanas e sobre a poboación civil, destacando os bombardeos de Madrid, Guernica e Barcelona. Co tempo demostrouse como unha das pezas elementais na vitoria de Franco.

BRIGADAS INTERNACIONAIS: Unidades militares de voluntarios estranxeiros que participaron na Guerra Civil española apoiando á Segunda República. Estaban formadas por brigadistas, procedentes de máis de 53 países de Europa e América. Procedían de organizacións políticas ou sociais de esquerda. Foron repatriados en outubro de 1938 pola presión internacional do Comité de Londres.

PLATAXUNTA: Nome popular de Coordinación Democrática, organismo unitario de oposición creado en marzo de 1976 por partidos e organizacións antifranquistas para restablecer a democracia en España. Naceu da fusión da Xunta Democrática, creada en 1974 polo PCE con Santiago Carrillo á fronte, e da Plataforma de Converxencia Democrática, establecida en 1975 e impulsada polo PSOE de Felipe González. Desapareceu en outubro de 1976.

LEI PARA A REFORMA POLÍTICA: Lei aprobada polas Cortes franquistas e, tras a súa aceptación en referendo, foi promulgada en 1977 con rango de Lei Fundamental. Foi o instrumento legal que permitiu o paso da ditadura franquista a un sistema constitucional democrático dende a legalidade vixente mantendo a paz social. Establecía que a democracia era a expresión da soberanía popular, que as Cortes serían elixidas por sufraxio universal e regulaba a futura convocatoria das primeiras eleccións xerais desde febreiro de 1936. O seu mentor foi Torcuato Fernández Miranda.

UCD: Siglas de Unión de Centro Democrático, a coalición de 15 partidos fundada e liderada por Adolfo Suárez en 1977 e que aglutinaba ás forzas de centro-dereita. Tivo un papel destacado durante a Transición democrática, gañando as eleccións a Cortes constituíntes de 1977 e as xerais de 1979. Mantívose no Goberno ata 1982, primeiro con Adolfo Suárez e despois da súa dimisión con Leopoldo Calvo Sotelo. Disolveuse tras a derrota electoral de 1982.

PACTOS DA MONCLOA: Acordos aos que chegaron sindicatos, partidos e organizacións empresariais en outubro de 1977 no Palacio da Moncloa, residencia do presidente de Goberno, Adolfo Suárez. Os asinantes comprometíanse a traballar a favor da estabilidade do país mediante a consolidación da democracia, a redución da conflitividade social e a adopción de medidas económicas dirixidas a reducir a inflación, e sanear a economía para superar a crise económica que se viña arrastrando desde 1973. Crea o IRPF e recoñece o dereito de asociación sindical e a liberdade de prensa.

FET E DAS JONS: Siglas de Falange Española Tradicionalista e das Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, a organización política creada por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación que fusionaba o movemento tradicionalista carlista coas formacións fascistas de Falanxe Española e das JONS. Foi a única formación política autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional. Foi disolta en 1977 por Adolfo Suárez.

SECCIÓN FEMININA: Organización fundada en 1934 como rama feminina de Falange Española. Foi dirixida por Pilar Primo de Rivera, irmá de José Antonio, e durante o franquismo monopolizou a educación das mulleres para ser boas patriotas, boas cristiás, e boas esposas, subordinadas aos varóns e destinadas a ter fillos e educalos segundo as normas establecidas polo réxime. Para o seu adoutrinamento creouse en 1937 o Servizo Social, émulo fascistas do Servizo militar masculino, que impoñía a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.

NACIONALCATOLICISMO: Ideoloxía que defende que a vida política, social e cultural debe estar sometida ás directrices da Igrexa católica. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime franquista que contou co apoio e aprobación da Igrexa católica. A xerarquía eclesiástica xustificou e aceptou a autoridade de Franco como Caudillo de España pola graza de Deus, e a cambio impuxo o seu control sobre a moral, os costumes e a educación e a exclusividade no matrimonio.

SINDICATO VERTICAL: Nome da Organización Sindical Española durante o franquismo. Foi creado tras a promulgación da Lei de Unidade Sindical de 1940 que ilegalizaba todos os sindicatos de clase existentes e integraba de forma forzosa a todos os traballadores e empresarios nun mesmo e único sindicato baixo a supervisión do Ministerio de Traballo, para evitar a loita de clases. Estruturábase en 3 esferas: campo, artesanal-industrial e marítima.

PLAN DE ESTABILIZACIÓN: Conxunto de medidas e reformas económicas aprobadas en 1959 no Decreto Lei de Ordenación económica, coñecido como Plan de estabilización. Propostas por ministros tecnócratas tiñan como obxectivo abandonar o modelo autárquico intervencionista e liberalizar a economía española, conectando así co capitalismo occidental. Sentou as bases para iniciar o forte crecemento “desarrollista” da década dos anos 60.

CONTUBERNIO DE MÚNIC: Nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de ridiculizar o Congreso do Movemento Europeo celebrado en Múnic en 1962. Foi impulsado polo coruñés Salvador de Madariaga, debido á súa relación cos dirixentes do Movemento europeo. Asistiron 118 opositores ao franquismo, tanto do interior de España como do exilio, unidos por un obxectivo común: instaurar no Estado español un sistema político democrático. Destacaron José María Gil Robles, líder da CEDA, Joaquín Satrústegui, monárquico, e Dionisio Ridruejo, antigo falanxista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *