A Guerra Civil Española (1936-1939): Unha Visión Xeral
A Guerra Civil (1936-39) é o feito histórico máis importante e tráxico da España do século XX, cunha fonda pegada política, humana e cultural que chega ata os nosos días. Neste conflito podemos atopar moitos dos problemas e tensións sufridas pola sociedade española durante a etapa da II República (1931-36). Ó mesmo tempo, a guerra española hai que relacionala co difícil contexto internacional da década de 1930 (crise económica de 1929, auxe dos fascismos, crise das democracias parlamentarias). Foi un conflito cun profundo peso ideolóxico, social e unha “guerra total” que afectou a toda a sociedade española e trouxo importantes consecuencias nas décadas posteriores.
As Xustificacións dos Sublevados
No Documento 1 recóllense gran parte das xustificacións dos sublevados contra o goberno da Fronte Popular en xullo do 36. Os sectores opostos ás reformas da II República (oligarquía económica, latifundistas, Igrexa católica, sectores máis dereitistas do exército…), “vían en perigo España”, para eles suxeita a “unha revolución popular dirixida por comunistas, separatistas e anticlericais”. Xa en 1932, o xeneral Sanjurjo levantárase contra a República, fracasando na intentona golpista.
Este temor a unha “revolución comunista que convertise a España nunha República Soviética” agrandouse tralo triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936, radicalizándose o panorama político entre as dereitas e as esquerdas. Xa dende aquel momento, comezou unha conspiración (sendo o xeneral Mola o seu máximo responsable e coordinador), que buscaba, mediante un golpe de Estado, “restaurar a orde pública e defender España da ameaza marxista”. Polo tanto, e segundo os conspiradores, había que adiantarse para impedir a “inminente revolución de esquerdas” (non hai probas da mesma), mediante a forza.
Moitas desas xustificacións dos golpistas foron asumidas polo xeneral Francisco Franco (un dos principais implicados no levantamento armado de 1936), como nas 3 primeiras liñas, onde se recolle o problema da desorde pública e da violencia política (nos meses previos á guerra o país viviu unha onda de folgas, atentados nas rúas, tiroteos e disturbios, todo o cal foi empregado polos grupos dereitistas para desacreditar ó goberno de Casares Quiroga). Na 4ª liña, podemos atopar a preocupación polo anticlericalismo levado a cabo por grupos incontrolados. Tanto a xerarquía católica como os grupos conservadores acusaron ó Goberno de pasividade e denunciaron que tales atentados estaban “organizados por axentes estranxeiros ó servicio da URSS”. Nas últimas liñas da alocución do xeneral Franco, finalmente, os sublevados non se presentan como golpistas, senón como españois preocupados pola “non vixencia da Constitución republicana de 1931” (“por todos suspendida y vulnerada”) e polo proceso autonómico (o Exército considerábase dende o s. XIX a “columna vertebral” e o máximo garante da súa integridade territorial). De aí, que moitos militares conservadores consideraban a descentralización territorial como un proceso de “separatismo” (“nin unidade da patria, ameazada polo desgarramento territorial”).
Deste xeito, cando se produciu o golpe de estado as masas católicas, a gran burguesía e as forzas dereitistas (CEDA, monárquicos, carlistas e falanxistas) apoiaron, colaboraron ou non se opuxeron a aquel. Para os golpistas, a sublevación ou golpe de Estado non era tal: eles preferían falar de “Alzamiento Nacional, Plebiscito Armado ou Cruzada”, unha loita dos elementos máis “sans” da patria contra “a antipatria, a chusma marxista e os rojos”. Todos estes grupos e sectores servirían de base fundamental para a posterior dictadura instaurada polo xeneral Franco ata 1975.
O Bando Republicano e a Resistencia ao Fascismo
Pola contra, o bando republicano considerou que a sublevación do 18 de xullo era unha rebelión militar contra a orde legalmente establecida a través dunhas eleccións democráticas. O Goberno republicano rexeitou calquera tipo de disculpa ou xustificación no sentido de que se estaba a preparar unha revolución comunista no país (excusa machaconamente empregada polos organizadores do golpe de Estado). Ese carácter de acto totalmente ilícito e antidemocrático, que non respectaba os resultados electorais que levaron ó triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 está claramente recollido ó longo do Documento 2, no que Dolores Ibarruri, “Pasionaria” (unha das líderes máis carismáticas e populares do Partido Comunista de España ó longo da II República e de toda a Guerra Civil) presenta a loita contra os golpistas como un combate contra a ameaza do fascismo, representada para eles polos sublevados, que querían suprimir as conquistas e avances socias, políticos e económicos que a República concedera ás masas traballadoras.
Así, pois, no momento da sublevación permaneceron fieis á República as forzas e organizacións de esquerdas, tanto socialistas como comunistas (PCE, PSOE, UXT), e tamén os anarquistas; xunto a eles, o resto dos partidos republicanos democráticos e de centro-esquerda, e os partidos nacionalistas (PNV, ERC, PG, etc), interesados en asegurar o proceso autonómico. Todas esas forzas e grupos son os destinatarios do discurso da “Pasionaria, nos momentos iniciais da guerra, intentando mobilizar ás forzas democráticas contra os militares sublevados, ante a indecisión e falta de reflexos do Goberno de Casares Quiroga. Sen embargo, debemos mencionar igualmente que dentro do bando republicano tamén existían sectores que pensaban aproveitar a guerra para desenvolver unha auténtica revolución (sobre todo, por parte dos anarquistas), o que fomentaría divisións e debilidades, un dos factores da derrota republicana en 1939.
A Dimensión Internacional do Conflito
O Documento 3 serve para entender as conexións internacionais dos dous bandos enfrontados durante a Guerra Civil. Efectivamente, a “Guerra de España” tivo unha grande repercusión no contexto internacional do momento: por unha banda, as forzas democráticas e progresistas estiveron a favor da República, mentres que para os grupos máis conservadores, o alzamento franquista era un freo á expansión do “comunismo”.
Dende o golpe de Estado de xullo do 36, o conflicto español tivo inmediatas implicacións internacionais. No mesmo verán de 1936, creouse o Comité de Non Intervención (unha idea franco-británica, co obxectivo de illar a guerra e evitar un conflicto europeo no que entrase a Alemaña nazi), co obxectivo de limitar o conflicto a España, evitar que este se prolongase e vixilar que ningún dos dous bandos implicados recibisen axuda doutras potencias. O Comité foi un fracaso total, xa que foi incapaz de evitar a axuda internacional e, sobre todo, perxudicou ó goberno republicano español (dificultou a adquisición de material bélico daquel). En xeral, a axuda ofrecida dende o estranxeiro estivo supeditada non só a intereses de tipo estratéxico ou político, senón tamén por motivos ideolóxicos e econónicos.
A Axuda Internacional aos Bandos en Loita
O bando republicano, contou co apoio non oficial das principais democracias occidentais e, sobre todo, da Unión Soviética de Stalin.
O bando sublevado, en cambio, contou coa axuda das potencias fascistas, apoio decisivo na victoria militar das tropas franquistas. Tanto Hitler como Mussolini decidiron poñerse do lado de Franco por motivos estratéxicos e políticos (prestixio militar, entrenamento ou ensaios con novos armamentos, interese por contar cun aliado agradecido no Mediterráneo) e tamén claramente ideolóxicos. Neste último punto é onde hai que entedender o Documento 3. A Italia fascista e a Alemaña nazi coincidían con Franco no seu feroz anticomunismo (na última liña do documento hai unha referencia á guerra española como parte do combate contra a expansión marxista e o temor a instalación no noso país dun réxime prosoviético), a defensa da Igrexa católica (idea sumida sobre todo polos fascistas italianos)
Hai que ter en conta que o modelo de Estado totalitario representado polos fascistas (sobre todo, italianos), serviría de inspiración en moitos aspectos para a España Nacional do xeneral Franco, (símbolos, abolición do pluripartidismo e da democracia parlamentaria, organización corporativa, autarquía económica, etc), durante a guerra e, sobre todo, coa instauración da ditadura a partir de 1939.
Consecuencias e Legado da Guerra Civil
Hai que ter en conta que o 18 de xullo nin os sublevados nin os republicanos tiñan previsto que se desencadease unha guerra fratricida de tres anos de duración: sen embargo, o semiéxito ou semifracaso do golpe de estado produciu a división do país en dúas zonas ben diferenciadas, tanto dende o punto de vista ideolóxico como político, as “dúas Españas”, en parte xa vislumbradas pola polarización política e social que provocou o proceso reformista republicano. Finalmente, non olvidemos a trascendencia política da Guerra Española, xa que trala derrota do réxime republicano en 1939, Franco, instauraría unha longa dictadura ata a súa morte, case corenta anos despois.