NEP e Insurrección de Kronstadt: Un Cambio Crucial na Rusia Soviética

A NEP: Unha Nova Etapa na Economía Soviética

A excesiva rapidez no proceso de construción do réxime de propiedade socialista, difícil de asimilar para un campesiñado ideoloxicamente retrasado, e os desastres da guerra civil combinaron os seus esforzos para facer insostible unha situación económica caracterizada polo afundimento da produción e a desarticulación do mercado interior, adobada polos brotes de protesta social que recordaban os antigos motíns de subsistencia.

Cando, en marzo de 1921, comezan as sesións do X Congreso do Partido Comunista, os índices económicos amosan un angustioso panorama: a produción agraria non chega ó terzo da de 1913; a produción industrial está nun 13% con respecto á mesma data, e o tráfico ferroviario quedara reducido a un 12%. A NEP non é unha volta ó capitalismo na Rusia soviética senón que, por unha banda, viría a superar unha situación económica de excepción, no marco da guerra civil e da intervención estranxeira, que colapsara as vías de acumulación facendo inviable o programa industrializador que os bolxeviques consideraban esencial para a consolidación do Estado socialista.

Por outra banda, a NEP supuxo unha viraxe teórica sobre a transición ó socialismo. Non era posible continuar a socialización acelerada nun contexto de predominio agrario onde o campesiño se resistía a aceptar calquera cambio que puxera en perigo o seu estatus de propietario. O lema a terra para o que a traballa tiña lecturas moi diferentes para o poder soviético e para o campesiñado, que practicamente acababa de acceder á propiedade. Era preciso que o campesiño asumira lentamente a introdución dunha orde socialista cun mínimo de tensións.

A NEP desenvolve unha estrutura de capitalismo de Estado, na que converxen elementos socialistas e capitalistas, conformando un modelo económico, antítese do comunismo de guerra, que amplía o marco das actividades privadas. O paquete de reformas altera o propio réxime de propiedade, incorpora mecanismos de mercado, reconstrúe a circulación monetaria e corrixe as previsións industrializadoras. É, por tanto, un modelo híbrido que arranca do que os contemporáneos entenderon como a pausa necesaria para o posterior desenvolvemento integral do socialismo.

A NEP transformou en primeiro lugar o marco de relacións agrarias; á política de requisas obrigatorias vixente durante a guerra civil sucedeu agora o imposto en especie que habería de incrementar os excedentes agrarios destinados ó mercado. Os mecanismos de mercado, favorecedores das grandes fincas, capaces de xerar grandes cantidades de excedentes, a liberalización da explotación do solo e a fin do traballo obrigatorio, ampliaron as diferenzas no interior da comunidade campesiña, provocando o auxe do kulak, que aproveitou a existencia de seis millóns de campesiños propietarios de parcelas moi pequenas e pouco rendibles, para empregar man de obra asalariada e engrosar as súas propiedades.

No plano industrial, o proceso é dobre: a desnacionalización das pequenas unidades de produción e a incorporación de elementos de autoxestión administrativa na industria de base nacionalizada. O 17 de maio de 1921 foron abolidos os decretos nacionalizadores da pequena industria. A partires do 7 de xullo, calquera cidadán podería abrir obradoiros artesanais e instalar pequenas industrias, cun máximo de vinte obreiros. Dous días antes fora regulamentado o arrendamento de empresas estatais a particulares. Aínda así, o groso da industria seguiu en mans do Estado.

Paralelamente, o restablecemento dos mecanismos de mercado cambiou o comportamento económico da empresa nacionalizada. A descentralización da xestión, a xerarquización dos salarios, a introdución de primas de rendemento e a fin da distribución imperativa das materias primas prepararon á empresa nacionalizada, organizada en trusts, para un funcionamento máis eficiente, estrangulado en parte polas dificultades no subministro de combustibles e materias primas, pola desarticulación da rede de transportes, pola destrución de capital fixo na etapa anterior e pola saturación de persoal. En resumen, esta estrutura contribuíu a que a recuperación industrial fora máis lenta que a agraria.

Neste contexto, se inscribe a crise das tesoiras de 1923, materializada nun descenso máis acusado dos prezos agrarios con respecto ós industriais. En 1923, o campesiño precisaba por termo medio a tripla de trigo que en 1913 para comprar un fouciño; todo un síntoma dunha relación de prezos desequilibrada que ameazaba os intercambios campo-cidade, comprometendo o desenvolvemento da NEP. A mediados de 1924 o equilibrio foi restablecido grazas á política gobernamental dirixida a controlar os prezos das manufacturas estatais, á vez que se axilizaban os mecanismos de distribución, se racionalizaba a produción do sector público e se consolidaba a estabilidade monetaria baseada na creación do novo rublo en 1924 e unha estrita política de equilibrio orzamentario sobre a base dun sistema impositivo que gravaba as actividades capitalistas.

En definitiva, a NEP foi un conxunto de medidas conxunturais destinadas a superar a creba económica na que estivo somerxida a economía soviética durante a etapa do comunismo de guerra. A NEP foi a solución de emerxencia, puntual, dirixida á reconstruír a economía, pero que antes ou despois entraría en contradición cos proxectos industrializadores sobre a construción do socialismo elaborados nos anos vinte.

A Insurrección de Kronstadt

En 1921, a guerra rematara, pero o país estaba famento, tiña frío e estaba farto das requisas, do traballo forzado, do terror, da perda das súas liberdades. Rusia era un cemiterio, un deserto o paraíso soviético. Nada xustificaba xa, ós ollos dos cidadáns, dos campesiños, o réxime de terror. Entre dirixentes e dirixidos e as masas se levantara unha especie de barreira. Os loitadores de 1917 soportaban menos que outros o xugo dos comisarios políticos, a limitación das liberdades. Xunto a eses combatentes se mesturaron moitos campesiños ucraínos alistados como mariños en Odessa tralo fracaso da revolución de Makhno, que aportaron o eco do descontento do campo; de modo que o sur era tan hostil ó réxime como o norte.

En marzo de 1921, e tras recibir a nova de que en San Petersburgo os comisarios políticos deran orde de disparar contra os obreiros, en Kronstadt se constitúe un Comité de defensa que reclama:

  • A liberdade de expresión e a liberdade de prensa para os obreiros e os campesiños.
  • A reelección dos soviets con escrutinio secreto despois dos debates e eleccións libres.
  • A liberdade de prensa para anarquistas e socialistas e os sindicatos.
  • A posta en liberdade de todos os presos políticos e de todos os obreiros, campesiños e soldados metidos no cárcere por participar en manifestacións obreiras e campesiñas…

A resposta dos dirixentes comunistas foi que se trataba dunha conspiración fomentada por un xeneral tsarista e apoiada por menxeviques e SR. Os habitantes de Kronstadt forman un Comité revolucionario provisional e á súa cabeza poñen ó mariño ucraíno Petrichenko; quedan detidos os dous comisarios da praza. Foi unha situación sen a penas violencia, e ademais a metade dos membros do partido se adheriron ó movemento. Para os dirixentes, a situación é grave; é unha rebelión que hai que cortar de raíz antes de que se estenda ó resto do país. Trotski lanza unha última advertencia ós que se levantaron contra a parte socialista, ós que acusa de brancos, aínda que os rebeldes rexeitaran calquera axuda destas correntes ideolóxicas.

A pesares da opinión dos oficiais, o comité revolucionario de Kronstadt se negou a recorrer ás armas namentres a cidadela non fora atacada. O xeneral Tukhachevski dirixiu o asalto coa axuda de recrutas novos da Escola Militar sen tradición revolucionaria, así coma con corpos especiais da Tcheka e do partido. En quince días, o Exército Vermello conquistou a cidadela. O 17 de marzo caía Kronstadt. As execucións sumarias se multiplicaron. Desde ese ano de 1921 non ía quedar en Rusia unha oposición política organizada en contra do réxime bolxevique. As discrepancias en torno ó poder se desenvolverían a partires de aquí sempre dentro da dirección do propio Partido Comunista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *